Barzhonegoù troet e galiseg

 

Noite plácida
(Noz sioul)

É noite pecha
Calou todo ruído
Todo fragor
Todo rumor
Calou o vento
Calou o reiseñor da fraga
E calou o grilo da landa.
Velaí o val adurmiñado
Sen arrolo
Sen canción
Placidamente.
Ningún movemento en ningures
En paz está a noite
Agás aló, ao lonxe, apenas audible
O plácido murmurio da auga na revolta do val:
A noite que soña.

14 de maio 1964

 

A chave de ouro
(An alc’houez aour)

                    I

Sei dun castelo
Levantado no corazón das fragas
Que esconde na súa torre
Os máis fermosos tesouros…

                    II

Pechada está a súa porta:
A chave de ouro perdida.
Guindárona ao mar
Xentes insensatas…

                    III

Con outra chave
Intentamos abrila
Pechada permaneceu
Necesitábase a chave de ouro…

                    IV

Tesouro, enxeño de noso
Poesía e literatura
Ocultas para sempre
Xa que a chave se perdeu…

                    V

Celtas valentes e rexos
Mergulláronse no mar
Atoparon a fermosa chave:
Accederon ao tesouro…

                    VI

E todos os tesouros de Bretaña
Móstranse no castelo
A chave de ouro da lingua
Abre a porta da torre…

20 de xuño 1964

 

Escuridade (Teñvalded)

          Nin lúa nin estrela
          Senón nubes cincentas
          Teño frío na noite negra
          Chamo a miña estrela
          como un ser exiliado
          –na súa alma turbado–
          Chora o meu país,
Cando regresará a miña estrela?

Novembro 1970

 

 

 

 

Quen?
(Piv ?)

Se tivese fillos
Armaríaos
Faríaos cabaleiros
Cabaleiros da terra
Armaríaos
Coas miñas propias armas
Aquelas coas que loitei
Toda a miña vida…
A loita contra as silvas
A loita contra os espiños
Contra os estalotes e os cardos
Contra os fentos invasores
A avea louca e a grama
A herba da fame… e todas as malas herbas
As que afogan as colleitas
–As que afogan as conciencias–
Sempre fiel á miña divisa:
–Loito en todos os eidos–
A miña vida foi unha loita
E ao cabo do meu tempo
Ao cabo das miñas forzas

          Salouco
Quen recollerá a miña divisa
          No meu lugar?
Quen as miñas armas
          Cando se me caian das mans?

Se fillos non teño…

9 de outubro 1978

 

Poemas de noite – Poemas de día
(Barzhonegoù-noz – Barzhonegoù-deiz)

Se escribo á sombra da miña lámpada
Versos mal aviados e baleiros
Cun lapis inseguro na man fatigada
Se escribo á noite no reverso dos sobres
Poemas cativos: quincalla
Na que hai tan só flores silvestres…
E unha migalla de amor.
É porque son para quen amo.

Escribo, porén, outros poemas
Mais non á sombra da lámpada
Senón á luz do sol
Non no reverso dos sobres
Senón no peito nu de quen amo
Na pel núa do país que amo
Non escribo cun lapis
Senón con útiles de aceiro
—Non pensedes en lanza ou en espada
Os meus útiles son o sosego e a rotación dos cultivos

Non escribo versos de doce pes
Contando cos dedos
Senón de vinte veces doce pes… e máis aínda
Escribo os meus versos co aceiro afiado da fouce
Feixe a feixe na cabeleira loira do meu país
O sol convérteos en poemas recendentes
Que as miñas vacas rumian nas noites de inverno

Escribo os meus versos coa rella do arado
Na carne viva do meu país bretón, rego a rego
—Neles agacho grans de ouro—
A primavera faraos poemas:
Mares esmeralda ondeando no vento
O verán faraos fermosos lagos de espigas
O vento de agosto traerá a música
E a debulladora cantará para min
Nas xornadas ardentes do octavo mes
Nas xornadas de dor, de po e de suor.
Os meus poemas sagrados e… menosprezados!

Xaneiro 1966